Radio na Biblio
Radio na Biblio é un proxecto que nace na Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia durante o curso 2017/2018 coa intención de dotar a 20 centros de toda Galicia dunha emisora de radio escolar asociada á biblioteca do centro. Nace dirixida a centros PLAMBE fundamentalmente rurais. A dotación económica a cada centro ía dirixida por unha banda á compra do material técnico necesario para facer a instalación da radio e por outra, a financiar a formación necesaria para poñer en marcha esa radio escolar.
Entre as opcións de formación atopábanse: a xente de Laboratorio de Radio, os decanos da radio escolar: Ponte nas Ondas e a nosa Rede ESPORA. Achegámosvos o video resumo que recolle a gratificante experiencia que durante varios meses nos levou polas estradas máis recónditas das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
O balance desa experiencia foi 100% positivo, cuns datos que nos deixaron fascinados: 90 horas de formación, 100 docentes e más de 700 alumnos e alumnas incorporados ao mundo da radio escolar como ferramenta de aprendizaxe. E o mellor foi que todos e todas collían na radio, independentemente da súa idade: dende os cinco anos de Educación Infantil no CRA de Meis ata os quince e dezaseis da ESO de por exemplo o IES de Porto do Son.
Polo que se refire ás rodas, Luis Losada, Cristina Corral e Javier Prado, metéronse máis de 5.500 kilómetros para achegar a súa experiencia traballando coa radio, a lugares tan distantes como o CEIP do Xurés en Lobios, o CEIP Virxe do Carme en Sober ou o CPI Suárez Marquier en O Rosal, chegando ata o CEIP de Canosa-Rus por Coristanco en A Coruña.
Este video tamén quere ser un agradecemento a todas as persoas que nos recibiron con ganas de aprender e de traballar e cun trato amable e exquisito, digno da grandísima educación pública que temos en Galicia. A todos e todas elas: NORABOA POLO VOSO TRABALLO!
- Nun primeiro momento asesoramos na compra do material para a montaxe da radio, mediante continuos correos electrónicos, chamadas e mensaxes de WhatsApp. Tratamos sempre de que todo fose o máis doado para as persoas encargadas do proxecto no seu centro.
- A continuación, visitamos o centro por primeira vez para explicarlle ao claustro cales eran as potentísimas posibilidades que a radio ofrecía como ferramenta de aprendizaxe máis alá do proxecto no que estaban ese ano. Montamos as radios e fixemos prácticas que deron moito de si, foron tardes divertidísimas como se pode ver fugazmente no video, nas que os ataques de risa e os nervios diante do micro foron constantes.
- O seguinte paso foi a selección do alumnado participante, nos casos dos centros máis pequenos, todos e todas puideron desfrutar da maxia da radio, pero noutros casos centrámonos nos voluntarios/as da radio, grupos de teatro, dos clubes de lectura…
- Cun traballo previo por parte do profesorado do centro chegou o día da formación do alumnado. Centrouse nos seguintes puntos:
- Formación xenérica do mundo da radio e da radio escolar en particular: escaleta, emisoras, canles, sintonía, guión, podcasting…
- Formación da locución e o emprego da voz.
- Traballo específico de alfabetización documental nas competencias ALFIN/AMI e emprego do traballo cooperativo.
- Formación técnica no uso da mesa de mesturas e o editor de son Audacity.
- Formación técnica en cascada por medio da titorización entre iguais.
- Elaboración do producto final.
No video vense de xeito claro as distintas fases da formación, así como as liñas principais dos tipos de programas traballados:
- Fomento da lectura mediante a radio: programa de recomendacións lectoras dos bookclubers.
- Fomento da lectura e a dramatización mediante a radio: programa de radio teatro e dramatización de contos.
- Fomento da alfabetización documental mediante o emprego da radio como medio de comunicación: programa sobre a contorna do noso concello e colexio.
Botando a vista atrás e revisando nas súas canles de podcasts o marabilloso traballo levado a cabo por todas estas radios noveis, non podemos deixar de sentir fachenda de todo o traballo feito e dende aquí alentar a que siga así neste novo ano, e que o novo “Radio na Biblio” veña cheo de sorpresas. E por suposto temos que agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia a confianza que depositou en nós ofertándonos como unha alternativa de formación. Gracias!