RADIO BELELLE

Radio Belelle, no CEIP de Maciñeira de Neda (A Coruña) é unha das emisoras decanas das escolas galegas. Trinta son os anos que levan traballando con ela e facendo programas en directo.

Neste momento, no que a emisora vive un relevo xeracional, onde as personas que a montaron xa non están no centro. Ana Martínez Rey fálanos do traballo previo e do que andan a facer neste intre.

Hoxe Radio Belelle é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

AMR: Radio Belelle.

E: Canto tempo ten?

AMR: Uns 30 anos.

E: Seguen no centro as persoas que a montaron?

AMR: Xa non, a última xubilouse o ano pasado.

Foi iso un impedimento para que esta seguise adiante?

AMR: Non. As persoas que quedamos temos interés en que se siga utilizando máis a miúdo do que se estaba a facer ata agora.

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

AMR:  Tendo en conta que xa non queda ningunha das persoas que participaron na súa montaxe, non podemos responder a esa pregunta.

E: Usádela en todos os departamentos?

AMR: Si, en datas sinaladas.

E: E en todos os cursos?

AMR: Tamén.

E: En cales credes que funciona mellor?

AMR:  Non podería dicir en ningún en particular.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

AMR: Moi boa. Séntense moi motivad@s e gústalles moito utilizala.

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

AMR: Axúdalles moito a pérdelle o medo a expresarse oralmente sobre todo en galego.

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

AMR: Ningunha porque foi un recurso que sempre estivo no centro.

E: Hai algunha experiencia didáctica que fora especialmente importante con ela? Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente ben nela.

AMR: Non por importante, pero si houbo unha experiencia moi boa con ela. Hai dous anos visitáronnos os nenos e nenas dun centro específico e gravamos con eles un programa de radio. Resultou moi gratificante ver como disfrutaban falando pola radio e como se animaban a expresarse oralmente.

E: Como vos organizades para traballar?

AMR:  Ata o de agora un mestre encargábase da emisora, outro do Audacity e dous alumn@s da presentación do programa. Este ano solicitamos un programa de innovación de Radio Escolar, no que propoñemos que sexan @s alumn@s de sexto @s que fagan todo e teñan como axudantes aos/ás de quinto para que tamén vaian aprendendo. Empezar cun programa quincenal e despois co tempo, conseguir facer un programa semanal fixo por cursos.

E: Tedes unha programación fixa?

AMR: Polo de agora non, pero co tempo queremos facer un programa cunhas sección fixas e outras que variarían en función do curso.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

AMR: Emitimos en directo.

E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?

AMR: O programa da Paz emítese ao longo da mañá. Cando poidamos empezar a facer o programa semanalmente, queremos que sexa a finais de semana, as dúas horas de despois do recreo.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

AMR: Si. Hai una persona encargada do manexo da emisora e outra do manexo do Audacity para gravar os programas. Tamén se conta co apoio do Equipo de Dinamización Lingüística para ámbalas dúas cousas e para axudar á elaboración dos guións radiofónicos e de dous/dúas alumn@s que fan as labores de presentación.

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

AMR: Non. Polo de agora utilízase fundamentalmente para temas transversais.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballar nela?

AMR:  Nestes momentos saber ben como funciona, xa que se trata dun material moi anticuado e a persoa que sabía ben o seu funcionamento xubilouse.

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

AMR: Non

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?

AMR: Si porque é un recurso que resulta moi motivador para o noso alumnado, como xa dixemos antes, axúdalles a mellorar a súa expresión non só oral senón tamén escrita: elaboración de noticias, do guión, etc.

E: Se a resposta é si, que razóns lles daríades para animal@s?

AMR: Gústalles moito e quererían facer máis programas de radio.

E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

AMR: Máis formación.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

AMR: Si, parécenos una idea moi interesante.

E: Fixéstelo algunha vez?

AMR: Ata o de agora non.

E: Gustaríache engadir algo máis sobre a vosa experiencia como centro con radio?

AMR: Gustaríanos ter moita máis experiencia e poder facer moitos máis programas implicando aos nosos alumnos na súa elaboración.

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

AMR: Si, no seguinte enlace:

http://edlgmacineira.blogspot.com.es/p/radio-escolar.html

E: Gracias polo voso tempo!

 

Etiquetas:, , , ,

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Deixa un comentario