Entrevistas

Neste espazo podedes atopar as experiencias de outros centros escolares que tamén traballan coa radio. Uns son veteranos e outros novatos, pero todos teñen algo que aportar a esta fantástica aventura da radio escolar.

RADIO BELELLE

Radio Belelle, no CEIP de Maciñeira de Neda (A Coruña) é unha das emisoras decanas das escolas galegas. Trinta son os anos que levan traballando con ela e facendo programas en directo.

Neste momento, no que a emisora vive un relevo xeracional, onde as personas que a montaron xa non están no centro. Ana Martínez Rey fálanos do traballo previo e do que andan a facer neste intre.

Hoxe Radio Belelle é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.

RADIO CHALANA

No CEIP Isaac Peral de Ferrol levan xa tres anos navegando a bordo da súa Radio Chalana, e así nolo contan. A experiencia, como nós din, é altamente satisfactoria, non hai máis que oírllelo contar e lanzar unha das frases favoritas de tod@s @s que se mergullan neste mundo: “A radio engancha”. Tanto, que eles/as mesm@s nos mandaron a entrevista non só en papel senón tamén grabada (podédela escoitar aquí). Hoxe Radio Chalana é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.

RIANXO FALA

Na nosa entrevista de hoxe marchamos cara a terras coruseñas, concretamente visitamos a un centro rianxeiro o IES Félix Muriel. Radio Rianxo foi o nome con que a radio deste Instituto de Rianxo iniciou a súa andadura polas ondas, porén, este non sería o seu nome definitivo, a cousa ía dar algunha volta… O seu primeiro programa no instituto deu en chamarse “Rianxo Fala”, e tanto callou, que ese sería o nome co que finalmente  se coñecería a radio escolar do Instituto. Estes e outros datos sobre a súa andadura cóntanolos a súa coordinadora Valentina Formoso na entrevista que lles fixemos para Rede Espora.

Hoxe Rianxo Fala é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.

Caracola Radio

A entrevista que hoxe facemos a Luis Losada dende a Espora é moi especial, o primeiro de todo porque Luis é unha das tres patas da Rede Espora, pero sobre todo porque a Caracola Radio do CEIP San Benito de Lérez, que el coordina, foi en certo xeito o xermolo deste proxecto no que andamos metidos. Con ela e a súa montaxe puidemos vivir en directo moitas das cousas que hoxe Luis nos conta de primeira man, un conxunto infinito de beneficios que lles ten traído ao centro tanto a mestres/as como a alumnado. Tod@s eles/as son @s protagonistas do cuestionario a queimarroupa para Rede Espora. Aquí o tedes:

Radio Carcamán

Radio Carcamán é o nome da radio que dende hai máis de vinte anos emite no CEIP Illa-Torre, que está situado na Illa de Arousa, en Pontevedra.

Dende o momento en que comezaron a traballar con ela xa non souberon parar, e aí seguen xeración tras xeración, dándolle ao alumnado motivos para ir á escola.

Esta radio e o seu traballo ao longo de todos estes anos son os protagonistas do cuestionario a queimarroupa para Rede Espora e as radios escolares de Galicia. Aquí o tedes: