Caracola Radio

A entrevista que hoxe facemos a Luis Losada dende a Espora é moi especial, o primeiro de todo porque Luis é unha das tres patas da Rede Espora, pero sobre todo porque a Caracola Radio do CEIP San Benito de Lérez, que el coordina, foi en certo xeito o xermolo deste proxecto no que andamos metidos. Con ela e a súa montaxe puidemos vivir en directo moitas das cousas que hoxe Luis nos conta de primeira man, un conxunto infinito de beneficios que lles ten traído ao centro tanto a mestres/as como a alumnado. Tod@s eles/as son @s protagonistas do cuestionario a queimarroupa para Rede Espora. Aquí o tedes:

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

Luis Losada: Caracola Radio (CR)

E: Canto tempo ten?

LL: Ven do curso 14/15

E: Seguen no centro as persoas que a montaron?

LL: Só unha

Foi iso un impedimento para que esta seguise adiante?

LL: Non

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

LL:  Tiñamos certa experiencia persoal noutros centros e xa en Lérez feito cousas illadas para Onda Cero e Ponte nas Ondas, e nese curso viñeron con destino provisional dous compañeiros: Pablo Senande e Javier Prado que non dubidaron en arremangarse e poñer todas as súas habilidades e xenerosidade para “inventar” o estudio da Caracola Radio, contaron coa colaboración do noso conserxe Manuel Morgade e a CR naceu coma unha bendición para o centro. Construído o espazo había que darlle vida.

E: Usádela en todos os departamentos?

LL: Está pensada para que se use en todo o centro.

E: E en todos os cursos?

LL: Case todos teñen algunha actividade puntual ou sistemática, mesmo usouse con gran éxito na aula de Audición e Linguaxe cando estaba Javier Prado.

E: En cales credes que funciona mellor?

LL: Depende moito do profesorado -en xeral-. Na actualidade funcionan dous talleres semanais nos niveis de 4º e 6º de EP.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

LL: A resposta do alumnado é moi gratificante para eles/as e para o profesorado tamén

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

LL: É unha posibilidade extraordinaria de expresarse noutra canle coa oralidade como bandeira -imprescindible en linguas minorizadas como a galega- e a posibilidade de achegar traballos e proxectos en formato sonoro que lles resulta inédito a moitos deles.

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

LL: Que somos máis “ric@s”, máis capaces de facer cousas novas en formatos novos e agradecidos.

E: Hai algunha experiencia didáctica que fora especialmente importante con ela?

LL: Xa van unhas cantas e cada unha ten o seu aquel, pero por nomear unha, na aula de AL conseguiuse que unha alumna que practicamente non falaba con ninguén cando chegou ao cole acabara facendo un programiña na CR con normalidade. Só por isto a CR xa cobra o maior dos sentidos e xustifica o seu nacemento.

E: Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente ben nela?

LL: O máis importante é o camiño. Todo o que aprendemos para chegar ao programa final que sempre resulta mellorable. Partimos dunha idea e chegamos a un produto, ese é o camiño onde está a verdadeira aprendizaxe.

E: Como vos organizades para traballar?

LL: Nos niveis de cuarto e sexto hai un taller semanal con dous profes.  Nestes talleres os equipos de alumnado parten dunha idea libremente escollida e teñen de chegar a un produto final que é un programa de radio. O apoio técnico faino o profesorado, inda que estamos no camiño de que o faga  o alumnado máis experimentado. Hai tamén  outros programas puntuais ou circunstanciais, mesmo traballamos noutros proxectos como Ponte nas Ondas, Día Mundial da Radio ou Dálle á lingua en colaboración co Concello en Onda Cero de Pontevedra.

E: Tedes unha programación fixa?

LL: Non, imos subindo á web os programas a medida que os imos rematando. O alumnado tamén escribe un pequeno texto que o acompaña.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

LL: Traballamos con podcast inda que ate hai  pouco tiñamos un software que permitía escoitarnos en directo durante a gravación.

E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?

LL: Temos feito algunha experiencia no recreo e teremos que repetila, sen dúbida.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

LL: Hai dous mestres encargados e outra profe que apoia aos talleres.

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

LL: As dúas horas de libre designación  en 4º e 6º de primaria.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballador nela?

LL: Sempre hai que facer cambios, pero a verdade é que a ilusión pulverizou  todas as  dúbidas. Non se nos pasa pola imaxinación que non sexa  unha iniciativa con futuro.

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

LL: Formación específica máis ben non. Algunha experiencia noutros centros e moitas ganas de tirar para adiante.

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?

LL: Sen dúbida. Non hai máis que probalo. As posibilidades son moitísimas.

E: Se a resposta é si, que razóns lles daríades para animal@s?

LL: Sobre todo hai que integrala no día a día das aulas, que forme parte do currículo como outras cousas  e tamén hai que facela sostible,  que non sexa algo que depende de voluntarias.Ten de ser unha engrenaxe no funcionamento diario na máquina de escola. Se o conseguimos a máquina será moito máis eficaz é amable.

E: Cal é a actitude do alumnado con respeto ao seu uso na aula?

LL: Moi boa. Cando rematan nun programa xa lles tarda moito o seguinte,  porque cando se escoitan -cousa que case nunca fixeran- toman conta de canto poden mellorar. Prodúcese un autoavaliación impresionante é significativa o que normalmente non  acontece noutras áreas no dia a dia.

Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

LL: Que debe haber apoio institucional, que sempre nos fai falta máis tempo e que faltan  medios públicos para mercar equipamentos e financiar actividades.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

LL: Moi interesante. Podemos aprender moito da nosa veciñanza, o noso alumnado pode establecer vincallos con novos compañeiros e compañeiras. Sempre resulta interesante partillar cos demais,  mesmo sería moi interesante facer algún traballo colaborativo para un programa común con outras escolas.

E: Fixéstelo algunha vez?

LL: Si algunha vez.

E: Se foi así, cal foi o resultado?

LL: Moi gratificante  e con ganas de repetir….

E: Gustaríache engadir algo máis sobre a vosa experiencia como centro con radio?

LL: Animar a algún centro que o está pensando, para nós foi moi bo e para eles vai a selo, sen dúbida. Cada vez é máis doado tecnicamente é máis agradecido no producto.

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

LL:  Temos un blog: https://caracolaradio.wordpress.com

E: Gracias polo voso tempo!

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Comentarios (1)

Deixa un comentario