Día Mundial da Radio 2021 – World Radio Day 2021
A radio é un medio de comunicación que nos permite estar preto da xente. Sentila e coñecela un pouco mellor. A radio acompáñanos, infórmanos, divírtenos, fai que sintamos que non estamos sós.
Aínda que xa ten máis de cen anos a radio evolucionou co mundo, innovando, adaptándose ás novas realidades socias e tecnolóxicas, pero sempre mantendo a súa capacidade de conectarnos.
Hoxe, 13 de febreiro a UNESCO promove o Día Mundial da Radio, nós para festexalo imos facer unha viaxe no tempo, da man das nosas avoas, dos nosos pais, dos nosos tíos, das bisavoas … de toda a xente que ao igual que todos nós, dende que eran pequenas estiveron acompañadas pola maxia da radio.
Deixémonos levar durante uns minutos nesta máquina do tempo polas lembranzas das persoas que nos acompañan e nos queren e achegan as súas voces dende as catro provincias galegas desde os seguintes centros educativos: CPI Manuel Suárez Marquier no Rosal, CEIP Ramón de Valenzuela en Bandeira, CEIP Ben-Cho-Sey de Pereiro de Aguiar, CEIP Frian en Teis, CEIP Víctor Saénz en Mazaricos, CEIP da Torre Cela en Bueu, IES Valadares de Vigo, CEIP A Ponte de Lugo, CEIP Plurilingüe de San Benito de Lérez en Pontevedra e o CEIP Plurilingüe de Chancelas en Combarro.