• Home
  • ESPORA, un proxecto feito de moitos proxectos

ESPORA, un proxecto feito de moitos proxectos

Qué é ESPORA?

ESPORA é unha plataforma escolar que pretende crear unha potente rede de EScolas POla RAdio. A plataforma nace da man de persoas dedicadas ao mundo do ensino e da comunicación.

Quen somos ESPORA?

A relación de tod@s nós dunha maneira ou outra, cos medios de comunicación permitiunos tomar contacto cunha ferramenta que consideramos non só útil senón necesaria para ser incorporada á escola no día a día polo seu enorme potencial pedagóxico.

Esta é a razón que nos levou a crer firmemente en que da mesma maneira que as esporas das plantas se diseminan por toda a xeografía, a aprendizaxe explícita e tamén implícita das ondas de radio debería chegar de centro en centro, espallarse e crear vida, así ata nos permitir tecer unha enorme rede de escolas e institutos que compartan coñecementos a través das ondas.

Deste xeito, operar de maneira simultánea e colaborativa entre os centros educativos de Galicia, daríanos a posibilidade de establecer un mapa coordinado de radios escolares galegas.

Con ESPORA pretendemos adxuntar a cantos centros educativos traballen xa ou teñan interese en traballar conxuntamente no mundo da Radio, compartir as súas experiencias e aprender das doutros.

Pola nosa banda e de xeito gratuíto ofreceremos a tod@s cantos participen da nosa páxina, ferramentas, recursos, ideas que nos permitan montar, usar, manter e traballar cunha radio no centro.

Ademais a través da nosa páxina daremos visibilidade a todas aquelas escolas e institutos que nos fagan partícipes da súa experiencia educativa a través das ondas e que queiran colaborar con nós coas súas ideas ou coa súa mera presenza.

E ti? Queres ser centro ESPORA?

Se non tes radio e queres tela, podes consultar todas as túas dúbidas con nós ou revisar os tutoriais, tips ou guías que imos deixando na nosa web. Chámanos ou escríbenos e así poderás formar parte da Rede ESPORA.

Se xa tes radio no teu centro, ponte en contacto con nós e poderás ser parte da nosa Rede ESPORA, achegando experiencias e coñecementos sobre o teu traballo no centro.

Estas son as redes sociais a través das que podes seguirnos ou contactar con nós: