Podcast Escolares

Neste espazo podedes atopar exemplos de experiencias doutros centros escolares que tamén traballan coa radio. Dende Infantil ata Adultos pasando por Primaria e Secundaria, poderedes escoitar podcast diversos en canles repletas de contido.

  • Home
  • Podcast escolares

Podcast escolares

Educación Infantil

CRA Meis (Meis)Rabu Radio

Moitas veces, cando contamos que se pode facer radio escolar en Educación Infantil, hai xente que non o cre. O CRA de Meis en Pontevedra, coa súa emisora Rabu Radio é un bo exemplo disto, por iso vos deixamos un enlace a un dos seus noticieiros do cole cuns xornalistas de excepción.


Educación Primaria

CPI Mosteiro Meis (Meis) – Radio Escolar Mosteiro Meis

A oralidade é algo que non adoitamos a traballar nas aulas con toda a frecuencia que nos gustaría, sen embargo é un dos pilares da comunicación. Neste par de capítulos podemos escoitar a Selmo e a súa evolución lingüística na oralidade, dende o primeiro programa que fixo na radio ao capítulo 10 dese mesmo programa… e contarémovos un segredo: Selmo acabou facendo dobraxe para unha serie da TVG.

Á súa vez, este proxecto de club de lectura destacou na aula de 3º EP por ser un fomento para a lectura dentro da aula.


CEIP Plurilingüe Chancelas (Poio) – Radio Chancelas

Unha forma ideal de traballar un “Día D” conseguindo un producto final vistoso, sinxelo de crear e que reafirme a aprendizaxe levada a cabo durante un proceso de investigación e documentación é facer un podcast. Neste caso, acadámolo reconstruindo a biografía de Luísa Villalta, narrada coma unha viaxe en tren polo alumnado de 6o EP. Con isto, puidemos traballar as competencias ALFIN/AMI aproveitando o Día das Letras Galegas, así como toda a documentación que acostuma a chegar ao centro durante ese mes.


CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez (Pontevedra) – Caracola Radio

Se queremos traballar un produto breve, as cuñas publicitarias son ideais para facelo. Apenas 25 segundos para expresar unha realidade dura e difícil de traballar na aula como é o Día da Violencia contra a Muller, 25N. Estas cuñas feitas por alumnado de 3º EP foron merecedoras de ser destacadas na Convención das Escolas Unesco .


Educación Primaria – NEAE

CEIP Viñas (Poio) – Radio Viñas

Tan só un curso foi necesario para poñer en marcha unha emisora de radio escolar no CEIP de Viñas, un centro marcado pola súa diversidade cultural. Partindo da aula de Audición e Linguaxe e chegando a todo o alumnado, dúas alumnas, Fatine e a súa irmá (5ºEP e 3ºEP), recén chegadas de Marrocos, montaron o seu programa Español para todos y para todas que usaban para que a súa nai aprendera español! Uns anos despois coincidimos con Fatine no Instituto e… sabedes quen era a mellor na aula de Lingua Española, non? 🙂


CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez (Pontevedra) – Caracola Radio

A radio escolar revelouse xa hai tempo como unha poderosa ferramenta para a integración e a atención á diversidade, na Espora descubrímolo grazas ao caso de Uxía, no cole de Lérez. A súa intervención na radio escolar abriulle moitas portas, a maxia de cantar na radio a Manu Chao marcou toda a diferenza na integración da aula de seu. 


Educación Secundaria (ESO)

CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) – A voz da Mata 

Dende a inauguración de A Voz da Mata por Rede ESPORA neste centro de primaria e secundaria o seu traballo foi incensante, proba delo da a súa canle de podcast, repleto de exemplos e traballos moi interesantes nos diversos niveis educativos. Deixamos aquí un podcast sobre lugares destacados de Galicia feito polo alumnado de 2ºESO.


IES Mendiño (Redondela) – Cercáronme as ondas

O día a día sonoro do IES Mendiño: actividades, proxectos e todo o que interese a quen se achegue aos micros de RQR, a radio do IES Mendiño. Neste caso deixamos un exemplo de 4ºESO na materia de Música sobre as bandas sonoras favoritas para os premios Óscar.


Educación Secundaria (EPA)

IES Francisco Asorey (Cambados) – Jolichadas Radio

Traballamos con alumnado de Educación Para Adultos (EPA) o temario da asignatura de Historia. Para iso empregamos o temario facilitado pola Xunta elaborando un programa relacionado co Antigo Réxime. O alumnado sitúase na época e fai un magacine usando material dos apuntes e de investigación propia, o que reforza en gran medida a aprendizaxe da materia sen necesidade de sentarse a “chapar”.