• Home
  • Proxecto didáctico: VI Premios Martín Códax da Música

Proxecto didáctico: VI Premios Martín Códax da Música

Tratando de afrontar a crise musical que vivimos nos tempos actuais, Rede ESPORA, a asociación Músicas ao Vivo e os Premios Martín Códax da Música únense para crear un proxecto didáctico de podcasting nos centros escolares. Dirixido aos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria e 2º da ESO, busca divulgar e fomentar a música feita na actualidade en Galicia.

A única posibilidade de darlle a volta a esta crise é unirse e confiar nas novas xeracións, unha cultura musical de base é o noso futuro, e gracias ao traballo dos docentes pódese facer realidade. Sabemos que a música galega non só e rica en variedade estilística senón tamén en calidade é por eso que cremos que é capaz de conectar coa xente nova.

Independentemente de que o centro escolar teña ou non radio escolar, o proxecto que propoñemos é crear unha serie de programas en formato podcast (ficheiro mp3) para divulgar e dar a coñecer as diferentes bandas e estilos musicais que se presentan aos Premios.

 

A liña de traballo está baseada no modelo ludificado do reto que vimos empregando noutras actividades de radio polo que vos será moi doado levalo a cabo. Podédelo ver en detalle no documento adxunto, así como a súa xustificación curricular.

 

Aínda que o prazo límite para enviar os programas en formato mp3 ou as ligazóns aos podcasts, nun primeiro momento estableceuse no 3 de maio, podedes seguir enviando os vosos programas en datas posteriores. Os programas que nos cheguen se divulgarán a través da radio dos Premios Martín Códax da Música. Se tes calquera dúbida ponte en contacto con nós a través do correo ola@espora.eu

 

Como dicía o noso queridísimo Fran Pérez “Narf”: “Somos dunha tribu que acredita no futuro”.