Radio Carcamán

Radio Carcamán é o nome da radio que dende hai máis de vinte anos emite no CEIP Illa-Torre, que está situado na Illa de Arousa, en Pontevedra.

Dende o momento en que comezaron a traballar con ela xa non souberon parar, e aí seguen xeración tras xeración, dándolle ao alumnado motivos para ir á escola.

Esta radio e o seu traballo ao longo de todos estes anos son os protagonistas do cuestionario a queimarroupa para Rede Espora e as radios escolares de Galicia. Aquí o tedes:

 

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

Carlos Abraira: Radio Carcamán

 E: Canto tempo ten?

CA: Comezou a súa andaina no 1995

E: Seguen no centro as persoas que a montaron?

CA: Non

Foi iso un impedimento para que esta seguise adiante?

Non, a radio mantívose ao longo de todos estes anos.

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

CA: A idea inicial foi do mestre Miguel Suárez Calvo, que actualmente está xubilado. Tiña a intención de montar unha canle de TV, xornal e radio escolar como un xeito de achegar ao alumando aos medios de comunicación e traballar a comunicación oral e a escrita entre outros moitos contidos  educativos relacionados.

E: Usádela en todos os departamentos?

CA: Ao ser este un centro de primaria non funciona exactamente por departamentos, pero si, todo o centro fai uso da radio escolar.

E: E en todos os cursos?

CA: Si, todos os cursos participan  polo menos con tres programas anuais, un por trimestre. Elaborase un calendario para todo o ano e o grupo que corresponda baixa á radio. Os horarios de emisión son os luns, mércores e venres ás 13.25.

E: En cales credes que funciona mellor?

CA: Non se aprecian diferenzas por cursos, cada nivel adapta o programa á madurez e programación correspondente, e desenvolve uns contidos, e capacidades diferentes en función da idade.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

CA: A resposta é moi positiva, supón un elemento moi motivador para traballar case calquera contido que se considere.

E: Cal é a actitude con respecto ao seu uso na aual?

CA: A actitude é tamén moi positiva, están moi ilusionados e pendentes de cal é o día que lles toca o seu programa trimestral.

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

CA: É complexo analizar todos os beneficios que lle aporta a radio ao centro, quizais un dos máis destacables é que é un recurso moi sinxelo e asequible para o desenvolvemento das competencias. Por outra banda trabállanse contidos dun xeito significativo para o alumnado, xa que é unha ferramenta moi motivadora e sen lugar a dúbidas gustaríame engadir que se nota unha clara mellora na expresión oral e escrita do alumnado xa que son fundamentais na elaboración dos programas.

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

CA: A verdade é que non son quen de responder esta pregunta, xa que non estaba no centro antes de que houbese radio.

E: Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente ben nela?

CA: Pois por exemplo a elaboración de cuñas de presentación e gravación das mesmas é un recurso ideal para traballar a creatividade, e xa nos cursos mais altos a preparación non guiada dos programas. Nesta caso, como teñen moita práctica, resulta unha actividade especialmente motivadora o feito de darlle liberdade ao alumnado para que cree os programas dun xeito non dirixido

E: Como vos organizades para traballar?

CA:  Facemos unha programación trimestral asignando un programa a cada curso, quedando un mínimo de tres programas anuais para cada curso. Nas aulas elaboran os programas e cada titor decide como xestionalo, dun xeito mais ou menos dirixido, segundo considere pola temática a tratar ou polo plantexamento do programa. Os días que quedan sen programación ofrécense aos cursos mais altos que fagan os programas dun xeito voluntario e non dirixido, por grupos de catro como mínimo. Como xa teñen experiencia e saben a mecánica do funcionamento, é unha tarefa moi enriquecedora, xa que teñen que traballar dun xeito autónomo.

E: Tedes unha programación fixa?

CA: Si, temos tres horas fixas á semana, os luns, mércores e venres dende as 13.25 h. ata as 14.15 h.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

CA: Temos os dous formatos, ofrecemos un servizo en directo por streaming e aloxamos os podcast nun servidor para que os programas estean sempre dispoñibles dende o blog da radio ou dende a páxina web do centro.

E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?

CA: As horas de emisión limítanse aos luns, mércores e venres a última hora.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

CA: Este ano estamos intentando dinamizar un equipo de mestres baixo o nome “Proxectos e materiais propios”, onde se enmarcaría a radio escolar, pero por agora a única persoa responsable da radio e encargada da parte técnica son eu. Os titores ou algún especialista fan uso da radio como ferramenta para desenvolver a súa programación como expliquei anteriormente, pero seguindo o horario prefixado.

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

CA: Non, todas son susceptibles de vincularse á radio, depende do uso que queira facer dela cada mestre/a.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballador nela?

CA: Quizais a parte de materiais necesarios e o funcionamento do streaming e servidor para aloxar os podcasts.

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

CA: Eu tiña algúns coñecementos de son (uso da mesa, conexións, tarxetas de son…), a persoa que montou a radio orixinalmente non tiña coñecementos previos.

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?

CA: Por suposto que si, é unha ferramenta fácil de usar e cunhas posibilidades educativas amplísimas.

E: Se a resposta é si, que razóns lles daríades para animal@s?

CA: En primeiro lugar que é un recurso moi asequible, tanto a nivel económico como organizativo. Ademais de que as posibilidades educativas son moi amplas, tanto como se desexe aproveitar. Por outra banda temos que pensar que é un recurso moi motivador para o alumnado que permite desenvolver moitos elementos curriculares, e é ideal para o desenvolvemento das competencias clave, sen esquecer que é axeitado para todas as idades, dende infantil ata 6º.

E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

CA: Formación e tempo.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

CA: Paréceme unha idea xenial, intercambiar propostas sempre resulta enriquecedor. Así mesmo, unha plataforma compartida sempre permite resolver dúbidas frecuentes como por exemplo o material necesario, o custo do proxecto…

E: Fixéstelo algunha vez?

CA: Non

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

CA:  Si, no seguinte enlace:

http://radiocarcaman.blogspot.com.es/

E: Gracias polo voso tempo!

 

Etiquetas:,

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Deixa un comentario