RADIO CHALANA
No CEIP Isaac Peral de Ferrol levan xa tres anos navegando a bordo da súa Radio Chalana, e así nolo contan. A experiencia, como nós din, é altamente satisfactoria, non hai máis que oírllelo contar e lanzar unha das frases favoritas de tod@s @s que se mergullan neste mundo: “A radio engancha”. Tanto, que eles/as mesm@s nos mandaron a entrevista non só en papel senón tamén grabada (podédela escoitar aquí). Hoxe Radio Chalana é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.
ESPORA: Como se chama a vosa radio?
Esperanza González Pino: Radio Chalana
E: Canto tempo ten?
EG: Ten tres anos concibida como hoxe está a funcionar. O proxecto da radio comeza dous anos antes, primeiro como taller de enriquecemento para alumnado de altas capacidades, e ao seguinte o profesorado do centro participa en un curso de formación en Tics no que se inclúe a radio. Dado que se pensa que todo o alumnado pode beneficiarse da radio, decídese amplialo para traballar todo o alumnado.
E: Seguen no centro as persoas que a montaron?
EG: Si.
Sería iso un impedimento para que esta seguise adiante?
EG: Será, mais “malo será” que non colla o testigo outr@ profesor/a cando quen leva a radio a deixe.
E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?
EG: Tiñamos unha preocupación polo enriquecemento fora da aula do alumnado de altas capacidades. Hoxe xa non plantexamos as aulas deste xeito, xa que estamos a traballar con metodoloxías máis inclusivas. Funcionou no centro un taller para atender a este alumnado. Mais cando a idea crece, abandónase esta liña de traballo e a radio é levada polo alumnado de sexto definitivamente.
E: Usádela en todos os departamentos?
EG: A radio está metida no plan de normalización. Pero son eu a que a leva, que son a xefa do departamento de orientación, polo que ten tanto de normalización como de orientación.
E: E en todos os cursos?
EG: Todos os cursos acoden a radio, con maior ou menor intensidade. Depende moito do profesorado ou incluso do alumnado, que prepara proxectos e piden ir a radio.
E: En cales credes que funciona mellor?
EG: Funcionan todas as opcións. A radio engancha.
E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?
EG: O alumnado está moi contento cando vai a Radio.
E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?
EG: Nós traballamos a competencia lingüística do galego, traballamos o traballo cooperativo e traballamos a par dos proxectos do plan lector da biblioteca, dinamizando a lectura (levamos tres cursos “Ferroleando”, cada ano cun enfoque diferente: arquitectura, pintura, o mar de Ferrol…). A radio ponlle voz na medida do posible a estes proxectos.
E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?
EG: O galego está entrando con moita forza a través da radio. Aprendemos a traballar xuntos moi ben xa que a elaboración de cada programa non sería posible sen a colaboración d@s que o fan. Cada persoa fai a súa aportación, discútese, decídese…igual que na vida.
E: Hai algunha experiencia didáctica que fora especialmente importante con ela?
EG: Unha experiencia moi boa é cando veñen pais e nais a Radio. As veces traemos a neno/a co seu pai/nai. Son @s cativ@s quen teñen que convencer as familias e fanlles eles/as as entrevistas.
E: Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente ben nela?
EG: Funciona todo, depende un pouco da creatividade de cada grupo.
E: Como vos organizades para traballar?
EG: O alumnado de sexto é quen leva a radio comigo. Facemos grupos de cinco. Permanecen na radio durante tres semanas e trascorrido este tempo vai outro grupo. Este grupo é o que leva a batuta. Un día a semana reúnense para gravar. Eles/as traen ideas e dependendo do grupo hai quen saca adiante máis proxectos ou que traballan fora deste tempo, na casa, no recreo…Hainos mais activos que outros. Cando non traen ideas axudamos nós. Normalmente queren traballar co que están facendo na aula: magosto, antroido…ou cos seus intereses (deportes, música, libros…)
O resto do colexio pide un día para facer o seu programa e dáselles unha cita, a que acoden xa co programa listo, traballado na aula.
Hai unha última modalidade que é o alumnado de NEE e problemas de conduta. A radio empregámola para traballar lectura: alumnado que ten dificultades de lectura, incluso inmigrantes con pouca linguaxe, preparamos o texto e despois fan o programa na radio. Usámola tamén como premio para alumnado con problemas de conduta.
Gústanos tamén misturar nenos e nenas de diferentes idades traballando xuntos.
E: Tedes unha programación fixa?
EG: Máis ou menos. Témola fixada, mais as veces non se cumpren todos os apartados en cada programa, para dar cabida a todas as iniciativas que van xurdindo no día a día.
E: Emitides en directo ou traballades con podcast?
EG: Traballamos con podcast. O directo témolo en mente mais parécenos máis difícil de levar á practica, pero todo se andará.
E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?
EG: Nas aulas integran a radio nas súas programacións. Ás veces pídennos que fagamos programas determinados que serven de motivación para introducir temas, ou usan a radio como produto social relevante.
E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?
EG: Si.
E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?
EG: A lingua galega.
E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballador nela?
EG: Cando comezamos tiñamos medo da tecnoloxía.
E: Tiñades algunha formación específiEG EGndo arrincástedes este proxecto didáctico con radio?
EG: Ningunha formación na radio. So o gusto por ela como usuari@s.
E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?
EG: Por suposto.
E: Se a resposta é si, que razóns lles daríades para animal@s?
EG: Hai que darse conta que estamos nun mundo de imaxes. A radio, ao prescindir da imaxe, axuda a traballar a atención.
A radio mellora a convivencia entre o alumnado. Tod@s aportan tod@s se precisan. Ante un micrófono cambian os roles e alumnado moi competente nas aulas, pasa a sentirse incapaz e ao revés, alumnado con dificultades pode ser un/unha alumn@ moi válido na radio.
Ademais a radio desenvolve habilidades e intelixencias múltiples: teñen que organizar as ideas, escribir, falar…Teñen que esperar quendas. É moi completa a Radio.
E: Cal é actitude do alumnado con respecto ao seu uso na aula?
EG: Colaborador, participativo, entusiasta. Cando remata un grupo e deixa de organizar para dar entrada a outro, vanse con pena.
E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?
EG: Máis profesorado implicado.
E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?
EG: Si.
E: Fixéstelo algunha vez?
EG: Non.
E: Gustaríavos engadir algo máis sobre a vosa experiencia como centro con radio?
EG: Animo a que se faga esta experiencia nas aulas. Precisa moi pouca tecnoloxía e os resultados son extraordinarios.
E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?
EG: A nossa Radio Chalana está na páxina do cole
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipisaacperal/
Toda a Radio Chalana:
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipisaacperal/node/1112
Actualidade: (Leva ao último programa)
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipisaacperal/taxonomy/term/176
E: Gracias polo voso tempo!
Etiquetas:emprego da radio na escola, entrevistas, Radio Chalana, radio escolar, uso radio escolar
"Trackback" Ligazón dende a túa web.