Radio CPI Virxe da Cela

No CPI Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) descubriron a radio gracias a uns obradoiros que lles ofreceron vai xa para cinco anos, e dende entón o éxito entre o alumnado foi tan grande que non pararon.

Ainda que lle andan a procurar un novo nome, o proxecto xa é unha parte máis do centro e non teñen pensado deixar de traballar con ela.

A radio do Virxe da Cela é a protagonista do cuestionario a queimarroupa para radios escolares. Aquí o tedes:

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

Camino Pereiro GonzálezRadio CPI Virxe da Cela, temos pendente facer un concurso no que elixamos outro nome máis curto.

E: Canto tempo ten?

CPG: Case 5 anos, arrancou a principios de 2013.

E: Seguen no centro as persoas que a montaron?

CPG: Si.

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

CPG: Sergio Pascual e Lucía Abarrategui (Laboratorio de Radio), especializados no medio, propuxéronnos un obradoiro. Vendo o impacto da actividade no alumnado e no centro, decidimos darlle continuidade xa que consideramos que a radio fomenta as habilidades comunicativas, supón unha motivación para o alumnado e permite traballar calquera temática dun xeito divertido e didáctico.

E: Usádela en todos os departamentos?

CPG: Si, a radio no CPI Virxe da Cela é unha canle que permite á comunidade educativa reflexionar e difundir os proxectos do centro. Tentamos darlle á radio unha visión interdisciplinar, que implique a todo o colexio dun xeito ou outro.

E: E en todos os cursos?

CPG: Facemos radio con toda primaria e con 1º de ESO. Noutros anos tamén temos traballado con toda ESO e, puntualmente, con Infantil.

E: En cales credes que funciona mellor?

CPG: En xeral a radio funciona ben. Non depende tanto da idade, senón das características do grupo.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

CPG: Fíxose un traballo de investigación no que a maioría do alumnado amosou interese pola actividade, manifestando que repetirían e, o que consideramos aínda máis relevante, é que o alumnado aplica o aprendido na radio, noutros eidos da escola e da vida.

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

CPG: A construción dun proxecto colectivo no que o protagonista é o alumnado, aumenta a capacidade crítica, a potenciación da creatividade, o reforzo da autoestima, o tratamento das habilidades sociais e cívicas, a mellora das habilidades comunicativas, a dinamización da biblioteca escolar, etc.

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

CPG: Ademais dos cuestionarios ao alumnado, fixéronse entrevistas ao profesorado na que salientaban que a radio na escola mellorou a escoita activa, a mellora da capacidade oral e escrita, o traballo cooperativo, a toma de conciencia do son e do silencio, o coñecemento do funcionamento dos medios de comunicación, o fomento do debate, a posta en diálogo de diferentes cursos, o fomento da normalización lingüística, etc.

E: Hai algunha experiencia didáctica que fora especialmente importante con ela?

CPG: Si, o pasado ano realizamos unha actividade interxeracional de radio, na que novos e maiores traballaron de xeito cooperativo o tema do patrimonio cultural inmaterial.

E: Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente ben nela?

CPG: A radio necesita dúas cousas: implicación e creatividade. Calquera cousa que emerxa de aí, funcionará.

E: Como vos organizades para traballar?

CPG: Traballamos por cursos. Cada grupo é como unha redacción na que se preparan os temas a tratar coa axuda e coordinación do profesorado e o Laboratorio de Radio.

E: Tedes unha programación fixa?

CPG: Non, imos traballando os temas en función das necesidades e intereses que vaian xurdindo dende a comunidade educativa.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

CPG: Elaboramos podcast, a través de pezas individuais ou programas temáticos.

E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?

E: As veces, facemos programas abertos ao resto do cole, no que asisten convidados e pode asistir calquera persoa da comunidade educativa.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

CPG: Si, Laboratorio de Radio, formado por Lucía Abarrategui e Sergio Pascual, comunicadores especializados no eido radiofónico.

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

CPG: Non, o que procuramos é que todo o alumnado teña a oportunidade de pasar polos micrófonos, traballando diferentes cuestións que poden estar vencellladas a un proxecto de centro, a unha matería en cuestión ou unha efeméride como por exemplo foron as ficcións sonoras e programa especial do 25 de novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballador nela?

CPG: Os docentes non temos que saber de todo, polo que a colaboración con profesionais doutros ámbitos, proporciona á escola novas liñas de actuación que enriquecen as aprendizaxes. Contar conSergio e Lucía, do Laboratorio de Radio, fixo que esas dúbidas quedaran resoltas.

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

CPG: Non.

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?

CPG: Por suposto. Cremos que a radio que estimula ao alumnado e que ademais permite fuxir do constante monopolio da imaxe, facendo que a linguaxe sexa outra. Inda que loxicamente a imaxe tamén ten moitas posibilidades na escola. Por exemplo, nós temos un croma no que facemos tutoriais.

E: Cal é actitude do alumnado con respecto ao seu uso na aula?

CPG: Como vos dicía máis arriba a maioría do alumnado non so amosou interese pola actividade, se non que ademais afirmaban que estarían encantados de repetir.

E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

CPG: Co tempo, gustaríanos ter un espazo insonorizado.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

CPG: Si, de feito xa o fixemos e foi unha experiencia marabillosa que seguro repetiremos.

E: Fixéstelo algunha vez?

CPG: Si, o mesmo grupo que traballou no proxecto interxeracional realizou unha coprodución con Radio Miñoca (CPI Castro Baxoi de Miño), na que abordamos a figura de Carlos Casares. Esta actividade, xunto con outras experiencias,  formou parte da bolsa de investigación en Ciencias Sociais outorgada pola Deputación de A Coruña a Lucía Abarrategui.

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

CPG: Claro, aquí vos deixamos os enlaces do noso blog e a nosa canle de podcasts:

Blogue: http://radioitinerantecreativa.blogspot.com.es/p/cpi-virxe-da-cela-ii.html

Canle de Ivoox: https://www.ivoox.com/podcast-radio-itinerante-cpi-virxe-da-cela_sq_f1102029_1.html

E: Gracias polo voso tempo!

Etiquetas:, ,

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Deixa un comentario