RIANXO FALA

Na nosa entrevista de hoxe marchamos cara a terras coruseñas, concretamente visitamos a un centro rianxeiro o IES Félix Muriel. Radio Rianxo foi o nome con que a radio deste Instituto de Rianxo iniciou a súa andadura polas ondas, porén, este non sería o seu nome definitivo, a cousa ía dar algunha volta… O seu primeiro programa no instituto deu en chamarse “Rianxo Fala”, e tanto callou, que ese sería o nome co que finalmente  se coñecería a radio escolar do Instituto. Estes e outros datos sobre a súa andadura cóntanolos a súa coordinadora Valentina Formoso na entrevista que lles fixemos para Rede Espora.

Hoxe Rianxo Fala é a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

VF: Rianxo Fala

E: Canto tempo ten?

VF: Dous anos. Comezamos nos primeiros meses do 2016, funcionamos todo  o curso pasado e agora estamos de novo arrancando.

E: Que as persoas que montaron a radio non sigan no centro parécevos un impedimento para que esta seguise adiante?

VF: Penso que é talmente así. Ou hai unha rede de profesorado do centro implicado para que sempre estea activa ou, coma moitísimos proxectos nos centros, morren cando os seus impulsores/as non lles dan aire.

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

VF:  Xurdiu como un instrumento para normalizar a lingua galega, para dinamizar a actividade do alumnado que formaba parte do ENDL.

E: Usádela en todos os departamentos?

VF: Por agora xestiónase desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do que formamos parte profesorado de moitos departamentos didácticos.

E: E en todos os cursos?

VF: Participa alumnado de varios cursos, é o alumnado que forma parte do ENDL, en calquera curso que estea. Empezou un grupo de 4º ESO, 1º e 2º Bac. O curso pasado comezou con alumnado maioritario de 1º ESO, e este curso tamén é maioritario o deste nivel.

E: En cales credes que funciona mellor?

VF:  O alumnado de 1º ESO está máis emocionado e máis implicado co tema, aínda que o de bacharelato, cando participa, está máis capacitado (o que pasa é que en Bacharelato non lles adoita chegar o tempo para participar). Esta actividade é sempre fóra do horario escolar.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

VF: Boa, aínda que por agora levamos moi pouco tempo.

E: Cal é a actitude con respecto ao seu uso na aual?

VF: Non se usa na aula.

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

VF: É una ferramenta para demostrar que o galego serve para todos os ámbitos, para rexistros cultos e non tanto, para falar de calquera tema (novas de interese, música, deportes…)

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

VF: Máis conexión coas familias e con persoas alleas ao centro que participan en entrevistas e que nos escoitan…

E: Como vos organizades para traballar?

VF:  Puf… isto é o máis difícil.. Nos recreos e algún luns ao medidodía (pois é o día que traballamos tamén pola tarde)

E: Tedes unha programación fixa?

VF: Non. Por agora imos programando cada emisión segundo as novidades, intereses ou unidade temática que se acorde.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

VF: Por agora con podcast, aínda que estamos tentando adaptar os medios para emitir en directo durante os recreos.

E: Emitides nalgún momento da xornada escolar?

VF: Como dixen, imos tentar emitir nos recreos, pero aínda nos falta rodaxe e ao mesmo tempo faltan aspectos técnicos que resolver para que se escoite nos corredores do centro.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

VF: Si, alumnado do ENDL que está anotado para a radio, xunto con membros do profesorado que tamén forman parte do Equipo (neste momento, dedicados á radio estamos catro persoas, dúas de lingua galega e dúas de lingua castelá)

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

VF: Non, pola razón que xa dixen, está vinculada ao ENDL, non a un departamento.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a traballador nela?

VF:  A cuestión técnica… porque o profesorado implicado non sabiamos nada de mesas nin de programas de tratamento de audio…

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

VF: Ningunha, aprendemos canda a rapazada, con un par de obradoiros. Un con una xornalista e outro con un técnico que nos axudou a usar a mesa.

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en montar unha radio escolar?

VF: Si. É un bo recurso para traballar co alumnado a moitos niveis.

E: Que razóns lles dariades para animal@s?

VF: Dá moitas satisfacións porque o alumnado está moi animado e gústalles moito. É unha forma moi boa de practicar a comunicación oral e de desenvolver competencias básicas importantes, desde aprender a aprender ata a conciencia cívica e cidadá.

E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

VF: Só podo falar do noso centro. Precisamos máis formación, máis medios técnicos, máis recursos, disponibilidade horaria. Tería que ser una actividade que se contemplase como parte do centro, non só como un proxecto aillado de catro implicados no tema.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

VF: Non temos experiencia en traballar conxuntamente entre centros neste aspecto, supoño que será interesante, aínda que non sei como se organizaría.

E: Fixéstelo algunha vez?

VF: Nunca no referente á radio

E: Gustaríache engadir algo máis sobre a vosa experiencia como centro con radio?

VF: Ao ser un proxecto do ENDL, con alumnado voluntario de diferentes niveis, hai moitos atrancos: desde non ter un horario común, agás nos recreos, ata traballar con alumnado ao que non se coñece no ámbito da aula. Isto pode ser positivo pero nun centro con dous edificios e cincocentos alumnos/as custa a organización.

O máis difícil é a xestión do tempo porque só nos reunimos e traballamos en tempos de lecer ou intervalos de descanso. Se falla algo na organización, hai que pospoñer ata o seguinte intervalo e hai programas que xa perden actualidade. Ao faltar una estrutura no horario que dea opción do traballo acaba estresando e ao final pode ser que tamén nos acabe queimando.

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

VF:  Si, no seguinte enlace:

http://www.rianxofala.gal/radio-rianxofala.html

E: Gracias polo voso tempo!

 

Etiquetas:, , ,

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Deixa un comentario