Radio Altamira

Paco González é o actual responsable de Radio Altamira, no CEP Altamira de Salceda de Caselas (Pontevedra), un centro pioneiro no uso da Radio Escolar.

Máis de trinta anos as súas costas avalan o traballo desta radio decana, que xa deu tantos froitos como xeracións pasaron por ela.

Hoxe Radio Altamira é pois a protagonista do noso cuestionario a queimarroupa para radios escolares.  Aquí o tedes:

 

ESPORA: Como se chama a vosa radio?

Paco González: Radio Altamira

E: Canto tempo ten?

PG: Dende o curso 1984-85, que empezaron os alumnos/as de 8º EXB coas primeiras emisións para o patio.

E: Seguen no centro as persoas que a montaron?

PG: Só unha.

E: É iso un impedimento para que esta siga adiante?

PG: Non.

E: Como xordeu a idea de montar unha radio escolar?

PG: Había aparellos en desuso, un mestre que tivo a iniciativa e outro mestre que sabía de electrónica.

E: Úsadela en todos os departamentos?

PG: Usámola en todos os ciclos de primaria.

E: E en todos os cursos?

PG: En todos os niveis e grupos.

E: En cales credes que funciona mellor?

PG: A implicación depende de cada titor/a, o alumnado máis implicado é o do terceiro ciclo, os de 5º nivel, que elaboran os programas de cada día no Obradoiro, e os de 6º que forman o equipo técnico.

E: Cal é en xeral a resposta do alumnado a aparición desta ferramenta no centro?

PG: A resposta do alumnado foi sempre entusiasta.

E: Cales son os beneficios que lle aporta o uso da radio ao voso centro?

PG: É unha experiencia viva, dinamizadora do centro, que achega ao alumnado e crea vínculos afectivos co centro, que integra a moito alumnado desestruturado a un centro de interese, que achega a un medio de comunicación, que enseña a elaboración de contidos, que usa as tecnoloxías, que colabora coa mellora lectora…

E: Que diferencias notades con antes, cando non a tiñades?

PG: Xa hai moitos anos diso. Antes había máis distancia entre o alumnado e os mestres e o centro.

E: Hai algunha experiencia didáctica que fora especialmente importante con ela?

PG: Hai moitas e faría falla moito papel para describilas: só nomeo algunhas como experiencias de radio co alumnado en radios comerciais, cursos de radio para mestres, conexións con outras radios escolares, emisións -piratas- dende os montes da comarca, radio para o Xabarín Club, para Antena 3, Ponte nas Ondas, Día Internacional da Radio…

E: Suxerídesnos algunha actividade que funcione especialmente  ben nela?

PG: A preparación dos equipos de control de alumnado, entrando en 5º como aprendices para en 6º pilotar as emisións diarias e preparar aos  novos aprendices. Os obradoiros de radio de 5º que forman equipos de emisión, redacción… traballando en grupo cos ordenadores e a rede, elixindo os contidos da cada día… O ter cada día equipos de alumnas/os convidados que traen ao programa os guions que  elaboraron na aula coas titoras/es, que pasan o testigo ao grupo seguinte…

E: Como vos organizades para traballar?

PG: Cada martes hai unha clase de artística diversificada en Obradoiros. Un deles é de radio. Fórmanse os grupos de emisión diaria, elabóranse os guions das seccións, elíxense os contidos… Ademais cada día acode convidado ao programa un grupo de nivel coa súa sección que decide na súa clase. Tamén hai un turno de técnicos e aprendices. Ademáis do mestre coordinador da programación e o obradoiro, hai un turno de mestras que fan na radio a súa garda de recreo.

E: Tedes unha programación fixa?

PG: Emitimos todos os recreos da semana programas que elaboran os equipos do obradoiro, que dura medio trimestre. Van cambiando os presentadores e os contidos.

E: Emitides en directo ou traballades con podcast?

PG: Téñense feito moitas modalidades de emisión: por ondas aos domicilios, pregravados…

E: Nos directos emitides nalgún momento da xornada escolar?

PG: Agora facemos radio de patio, emitindo en directo nos recreos, é o máis rentable a nivel pedagóxico.

E: Tedes un equipo específico de xente adicada a organizar as actividades de Radio?

PG: O mestre coordinador da radio e dos obradoiros de radio, as mestras que fan turnos de recreo no estudio, a colaboración coa sección de aula de cada titoría, os equipos de cada trimestre de alumnado locutor, o equipo de alumnado de control e os aprendices.

 

E: Tedes algunha asignatura vinculada específicamente á radio?

PG: Si, o Obradoiro de Artística.

E: Cales foron as maiores dúbidas -se é que existiron- que vos xurdiron cando montastes a radio ou cando empezastes a  traballar nela?

PG: Como integrala na vida diaria do centro, de onde sacar o tempo en horario lectivo, para non quedar reducida a experiencia a un voluntarismo de un ou vario mestres…

E: Tiñades algunha formación específica cando arrincástedes este proxecto didáctico con radio?

PG: Máis importante cá formación -que a había técnica- era a ilusión.

E: Recomendaríades o uso da radio a xente que está pensando en  montar unha radio escolar?

PG: Absolutamente, de feito Radio Altamira axudou a montar radios escolares pola zona, porque sabemos da súa influencia na mellora da calidade do ensino e as experiencias didácticas que ofrece ao alumnado, protagonista de todo e toda a radio.

E: Que razóns lles daríades para animal@s?

PG: A radio, ben feita e cun claustro comprometido e entusiasta, pode transformar un centro.

E: Cal é actitude do alumnado con respecto ao seu uso na aula?

PG: O alumnado de antes e de agora é entusiasta con porse diante dos micrófonos, aínda sendo inconsciente do ben que iso lle fai para a súa formación integral.

E: Que botades en falta con respecto ao tema da radio tanto no voso centro como noutros centros?

PG: Que debe ser a Xunta a que faga unha rede de radios escolares, con medios e asesores a disposición dos centros. As experiencias dos centros non poden depender do voluntarismo e do ‘concurso de traslados’.

E: Parécevos interesante a idea de traballar conxuntamente entre centros que teñan radio?

PG: Depende o que se vaia a facer, xa que os centros son dispares, distantes, con diferentes horarios…

E: Fixéstelo algunha vez?

Moitas veces, sempre interesante, pero a costa do sacrificio e tempo libre duns mestres.

E: E cal foi o resultado?

PG: Foi emocionante a comunicación en directo por ondas con outro centro, tamén a elaboración conxunta e emisión de programas con centros de Portugal…..

E: Gustaríache engadir algo máis sobre a vosa experiencia como  centro con radio?

PG: Si, gustaríame dicir o Cep Altamira actual non se entendería sen a súa radio, sen os miles de alumnos e alumnas que pasaron polos seus micrófonos, experiencia que sempre lembran nas xuntanzas de ex-alumnos.

 

E: Podemos escoitar os vosos programas na rede?

PG: Pois temos un blog onde podedes seguirnos:

radioaltamira.blogspot.com

E: Gracias polo voso tempo!

 

Etiquetas:, , ,

"Trackback" Ligazón dende a túa web.

Deixa un comentario