Arquivo do autor

Radio na Biblio

Radio na Biblio é un proxecto que nace na Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia durante o curso 2017/2018 coa intención de dotar a 20 centros de toda Galicia dunha emisora de radio escolar asociada á biblioteca do centro. Nace dirixida a centros PLAMBE fundamentalmente rurais. A dotación económica a cada centro ía dirixida por unha banda á compra do material técnico necesario para facer a instalación da radio e por outra, a financiar a formación necesaria para poñer en marcha esa radio escolar.

Entre as opcións de formación atopábanse: a xente de Laboratorio de Radio, os decanos da radio escolar: Ponte nas Ondas e a nosa Rede ESPORA. Achegámosvos o video resumo que recolle a  gratificante experiencia que durante varios meses nos levou polas estradas máis recónditas das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

O balance desa experiencia foi 100% positivo, cuns datos que nos deixaron fascinados: 90 horas de formación, 100 docentes e más de 700 alumnos e alumnas incorporados ao mundo da radio escolar como ferramenta de aprendizaxe. E o mellor foi que todos e todas collían na radio, independentemente da súa idade: dende os cinco anos de Educación Infantil no CRA de Meis ata os quince e dezaseis da ESO de por exemplo o IES de Porto do Son.

Polo que se refire ás rodas, Luis Losada, Cristina Corral e Javier Prado, metéronse máis de 5.500 kilómetros para achegar a súa experiencia traballando coa radio, a lugares tan distantes como o CEIP do Xurés en Lobios, o CEIP Virxe do Carme en Sober ou o CPI Suárez Marquier en O Rosal, chegando ata o CEIP de Canosa-Rus por Coristanco en A Coruña.

Este video tamén quere ser un agradecemento a todas as persoas que nos recibiron con ganas de aprender e de traballar e cun trato amable e exquisito, digno da grandísima educación pública que temos en Galicia. A todos e todas elas: NORABOA POLO VOSO TRABALLO!

No video tamén se pode ver de xeito claro, a estructura do sistema de formación que decidimos implementar para cubrir todas as necesidades dos centros:

  • Nun primeiro momento asesoramos na compra do material para a montaxe da radio, mediante continuos correos electrónicos, chamadas e mensaxes de WhatsApp. Tratamos sempre de que todo fose o máis doado para as persoas encargadas do proxecto no seu centro.
  • A continuación, visitamos o centro por primeira vez para explicarlle ao claustro cales eran as potentísimas posibilidades que a radio ofrecía como ferramenta de aprendizaxe máis alá do proxecto no que estaban ese ano. Montamos as radios e fixemos prácticas que deron moito de si, foron tardes divertidísimas como se pode ver fugazmente no video, nas que os ataques de risa e os nervios diante do micro foron constantes.
  • O seguinte paso foi a selección do alumnado participante, nos casos dos centros máis pequenos, todos e todas puideron desfrutar da maxia da radio, pero noutros casos centrámonos nos voluntarios/as da radio, grupos de teatro, dos clubes de lectura…
  • Cun traballo previo por parte do profesorado do centro chegou o día da formación do alumnado. Centrouse nos seguintes puntos:
    • Formación xenérica do mundo da radio e da radio escolar en particular: escaleta, emisoras, canles, sintonía, guión, podcasting
    • Formación da locución e o emprego da voz.
    • Traballo específico de alfabetización documental nas competencias ALFIN/AMI e emprego do traballo cooperativo.
    • Formación técnica no uso da mesa de mesturas e o editor de son Audacity.
    • Formación técnica en cascada por medio da titorización entre iguais.
    • Elaboración do producto final.

No video vense de xeito claro as distintas fases da formación, así como as liñas principais dos tipos de programas traballados:

  • Fomento da lectura mediante a radio: programa de recomendacións lectoras dos bookclubers.
  • Fomento da lectura e a dramatización mediante a radio: programa de radio teatro e dramatización de contos.
  • Fomento da alfabetización documental mediante o emprego da radio como medio de comunicación: programa sobre a contorna do noso concello e colexio.

Botando a vista atrás e revisando nas súas canles de podcasts o marabilloso traballo levado a cabo por todas estas radios noveis, non podemos deixar de sentir fachenda de todo o traballo feito e dende aquí alentar a que siga así neste novo ano, e que o novo “Radio na Biblio” veña cheo de sorpresas. E por suposto temos que agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia a confianza que depositou en nós ofertándonos como unha alternativa de formación. Gracias!

A radio escolar na aula de Audición e Linguaxe

Tan só un curso foi necesario para poñer en marcha unha emisora de radio escolar no CEIP de Viñas, un centro marcado pola súa diversidade cultural. Partindo da aula de Audición e Linguaxe e chegando a todo o alumnado, a radio escolar revelouse como unha poderosa ferramenta para a integración e a atención á diversidade, acadando cotas de éxito social e sendo quen de traspasar os muros da escola.

 

Sonia Fernández Balboa mestra especialista de AL no centro durante o curso 2017-18, xunto con algún do alumnado que participou, fálanos de como foi a experiencia de poñer en marcha “Radio Viñas: la radio de los niños y de las niñas”.

Retos para programas de radio

Hai moitos xeitos de propoñer o traballo dos programas de radio dentro da aula, pero sen dúbida a dos retos por equipos é unha das que máis divirte aos pequenos e pequenas.

Aquí vos deixamos tres modelos de retos que empregamos este ano nas formacións de Radio na Biblio da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia:

  • A contorna do teu centro e o colexio: un programa que potencia as competencias ALFIN/AMI que a UNESCO considera que debemos integrar no noso sistema educativo.
  • Os bookclubers: un programa pensado para potenciar a lectura nas aulas e nas casas mediante compañeiros e compañeiras que aconsellan a lectura de determinados libros.
  • O conto dramatizado: un xeito divertido de achegarnos á lectura dos contos e ao emprego das distintas entonacións e modulación da voz, xogando co emprego dos efectos especiais para xenerar ambientes.

 

Descargar en PDF [528Kbs]

O emprego de Audacity III – Cortar pistas

Seguimos coa serie de videotitoriais adicado ao emprego do Audacity, o editor multipista  de audio que serve para calquer sistema operativo e non custa un can.

Nesta ocasión explicamos como recortar as pistas, eliminar un cacho que nos sobra, tanto ao principio da pista, como no medio como ao final da mesma. Agardamos que vos sexa de axuda.